22 de abr. de 2015

DÍA DO LIBRO: 23 DE ABRIL DE 2015

A UNESCO acordou en 1995 que cada 23 de abril celebraríase o Día Mundial do libro e dos Dereitos de autor. 
Se non sabes como celebrar o Día do Libro o Equipo de Dinamización da Lingua Galega faiche as seguintes  propostas:

  • Sal a liberar algún libro!
O proxecto Brookcrossing, practicado en todo o mundo, consiste en escoller un libro propio, etiquetalo e liberalo.



É unha experiencia única que converte a lectura en algo global e compartido.
Se queres saber máis bookcrossing.com.

  •  Escribe un microrrelato e regálao a alguén querido.

Como exemplo este microrrelato de Eneritz Dueso, estudante de galego en Euskadi,que gañou no 2014 o I Concurso de microrrelatos John Rutherford, para conmemorar as letras galegas en Oxford. 

"Eu era un peixe nadando nunha sopa. 
Sempre soñei con ser unha estrela de cine, pero un día presenteime a un casting e alí dixéronme que antes que deixar que fose actor sería mellor fritirme. Eu díxenlles que a min o aceite me repetía e propuxéronme un papel máis axeitado para a miña valía: ser o protagonista deste prato, mentres non me achegase a lingua o gato.
Pero chegou o día en que se achegou o felino, coas súas poutas afiadas e os seus dentes xenuínos. Tentaron salvarme as ameixas, esas amigas que aínda que son duras por fóra por dentro son tenras, e o gato estrañouse ao ver como o atacaron.
Sen perder a compostura puxo fin ao altercado explicándonos que el era un gato vegano.
Como ía moita calor invitámolo a nadar na sopa xa fría, pero o mico estremeceuse ao ver que a súa pelaxe se mollaría. Vaia falta de respecto, non aceptar o noso convite! Iso superaba xa o noso límite. 
Vingámonos del facéndoo beber, pero tragounos sen querer e a viaxe cara á súa barriga non a puidemos deter.
Agora eu son un peixe nadando na barriga dun gato, e non un gato calquera, un gato vegano! Pobre mico, pobre gatiño, que para unha vez que comía un peixe non era fresco, senón conxelado."

Ningún comentario:

Publicar un comentario