14 de nov. de 2014

ÁRBORES SENLLEIRAS DE GALICIA




Unha árbore senlleira é unha árbore que, polas súas características extraordinarias ou destacábeis (tamaño, idade, significación histórica ou cultural, rareza, beleza etc.) é considerada reliquia botánica, obxecto de respecto veciñal tendo ademáis valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental.

No ano 1984, a Dirección Xeral do Forestal e do Medio Ambiente Natural da Consellería de Agricultura, Pesca e Alimentación da Xunta de Galicia contratou a realización do Inventario de árbores sobresaíntes de Galicia, documento que sae á luz en 1985 e que recolle 260 monumentos vexetais, 102 na provincia da Coruña, 49 na de Lugo, 39 na de Ourense e 70 na de Pontevedra.

Coa Lei 9/2001, de conservación da natureza, no seu artigo 52, créase o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, incluíndo os exemplares cuxa conservación sexa necesario asegurar polos seus valores naturais, culturais, científicos, educativos, estéticos ou paisaxísticos. O anexo do decreto inclúe inicialmente 106 árbores e 21 formacións merecentes de protección.

En Manzaneda áchase o Castiñeiro de Pumbariños situado no soto de Rozavales, primeira árbore catalogada como Monumento Natural en Galicia. É a árbore de maior perímetro de Galiza (12,15). O castiñeiro foi declarado Monumento Natural pola Xunta de Galicia no ano 1995.

O Carballo Casadeiro de Santo Antonio está dentro da finca do Pazo de Vilardefrancos, en Artes, no Concello de Carballo. Segundo a tradición, cando San Antonio, o de Padua ou de Lisboa (1195-1231) peregrinou a Compostela celebrou misa neste lugar, onde había unha pequeña ermida. Mentres o santo oficiaba, naceu debaixo do altar un carballo que co tempo, de tanto medrar, derrubou o edificio. A nova capela de Santo Antonio construíuse a carón e forma parte das dependencias do Pazo. Conta a lenda que a ferida que presenta é consecuencia dun raio que lle caeu enriba pouco despois de morrer Santo Antonio. E que as mozas namoradas van alí e, poñéndose de costas, tratan de introducir tres pedriñas no burato: hai quen di que abonda con meter unha, e outros din que son precisas sete. Se o conseguen, casan antes do ano. Se xa estivesen casadas, é que van ter un fillo. O mesmo ritual serve para pedir un desexo calquera; de atinar, por cada pedra que se lanza cumprirase o desexado. Tamén se conta que en caso de facerlle unha ferida ou de cortarlle unha póla, o carballo derrama un líquido (prodixio atribuído ao santo Antonio) que semella sangue.

O carballo ten 800 anos.








Ningún comentario:

Publicar un comentario