28 de nov. de 2014

CULTURGAL 2014

O vindeiro venres 6 de Decembro comeza o Culturgal no Pazo da Cultura de Pontevedra.

No Culturgal conflúen distintos gremios da cultura: libro, creación, audiovisual, artes escénicos, música, deseño, internet e novas tecnoloxías.
Este evento chega este ano a súa setima edición consolidado como unha gran cita das industrias creativas en Galicia.
Aquí podedes ver o programa pinchade aquí.

14 de nov. de 2014

ÁRBORES SENLLEIRAS DE GALICIA




Unha árbore senlleira é unha árbore que, polas súas características extraordinarias ou destacábeis (tamaño, idade, significación histórica ou cultural, rareza, beleza etc.) é considerada reliquia botánica, obxecto de respecto veciñal tendo ademáis valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental.

No ano 1984, a Dirección Xeral do Forestal e do Medio Ambiente Natural da Consellería de Agricultura, Pesca e Alimentación da Xunta de Galicia contratou a realización do Inventario de árbores sobresaíntes de Galicia, documento que sae á luz en 1985 e que recolle 260 monumentos vexetais, 102 na provincia da Coruña, 49 na de Lugo, 39 na de Ourense e 70 na de Pontevedra.

Coa Lei 9/2001, de conservación da natureza, no seu artigo 52, créase o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, incluíndo os exemplares cuxa conservación sexa necesario asegurar polos seus valores naturais, culturais, científicos, educativos, estéticos ou paisaxísticos. O anexo do decreto inclúe inicialmente 106 árbores e 21 formacións merecentes de protección.

En Manzaneda áchase o Castiñeiro de Pumbariños situado no soto de Rozavales, primeira árbore catalogada como Monumento Natural en Galicia. É a árbore de maior perímetro de Galiza (12,15). O castiñeiro foi declarado Monumento Natural pola Xunta de Galicia no ano 1995.

O Carballo Casadeiro de Santo Antonio está dentro da finca do Pazo de Vilardefrancos, en Artes, no Concello de Carballo. Segundo a tradición, cando San Antonio, o de Padua ou de Lisboa (1195-1231) peregrinou a Compostela celebrou misa neste lugar, onde había unha pequeña ermida. Mentres o santo oficiaba, naceu debaixo do altar un carballo que co tempo, de tanto medrar, derrubou o edificio. A nova capela de Santo Antonio construíuse a carón e forma parte das dependencias do Pazo. Conta a lenda que a ferida que presenta é consecuencia dun raio que lle caeu enriba pouco despois de morrer Santo Antonio. E que as mozas namoradas van alí e, poñéndose de costas, tratan de introducir tres pedriñas no burato: hai quen di que abonda con meter unha, e outros din que son precisas sete. Se o conseguen, casan antes do ano. Se xa estivesen casadas, é que van ter un fillo. O mesmo ritual serve para pedir un desexo calquera; de atinar, por cada pedra que se lanza cumprirase o desexado. Tamén se conta que en caso de facerlle unha ferida ou de cortarlle unha póla, o carballo derrama un líquido (prodixio atribuído ao santo Antonio) que semella sangue.

O carballo ten 800 anos.








11 de nov. de 2014

O CASTIÑEIRO DE INDIAS


O Castiñeiro de Indias ou Castiñeiro de Bruxas é unha árbore coinsiderada mediciñal. Identifícase comúnmente  co nome de falso castiñeiro por mor de que os seus froitos presentan unha grande semellanza cos do castiñeiro. Moi empregada en xardiñería podemos atopala en parques de Galicia. Na Alameda, en Vigo, hai algúns exemplares.

Polos seus principios activos emprégase para problemas vasculares e circulatorios.

As castañas bravas ou de indias utilízanse como amuleto protector do mal de ollo.


A QUE ARRECENDE O MAGOSTO



FIUNCHO. Fiollo ou fieiteiro é unha herba perenne moi aromática. Ten un arrendezo semellante á menta e emprégase na cociña para dar sabor. Bótaselle ás castañas cocidas. Nalgúns lugares de Galicia úsase como protector do mal de ollo.

Ten propiedades diuréticas e curativas.





NÉBEDA. Da familia da menta emprégase para cocer as castañas, darlle sabor e facelas máis dixestivas.

Recibe tamén o nome de calaminta e a variante néboda.

Na menciña emprégase como tónico estomacal, antiespasmódico, sudorífico e expectorante.

Medra en bosques pouco mestos e ao pé de valados e muros.




8 de nov. de 2014

NOS TAMÉN TEMOS COGOMELOS

Cogomelos do colexio.
Os cogomelos son fungos que adoitan medrar en lugares húmidos e pouco soleados. Hai moitas especies de cogomelos, con diferentes características que se dan en diferentes ecosistemas. A época na que se fan visibles é o outono, especialmente cando quenta o sol e despois dunha chuvia intensa. A maior parte medran ao abeiro dunha árbore, ben no chan o nas pólas. Co Decreto de Aproveitamentos Forestais, publicado no DOG do 27 de maio, este ano Medio Rural regula a actividade micolóxica. Excederse no límite de dous quilos por persoa e día, recoller exemplares inmaduros e colectalos en bolsas pechadas de plástico pode ter multa. As setas, unha vez collidas, van soltando esporas que permiten o nacemento de novos especímenes por iso é tan importante trasladalas en cestas de bimbio que permitan a caida das esporas. Estas son pequenas mostras das que medran no noso colexio.