16 de dec. de 2014

O TIZÓN DO NADAL

Segundo a tradición os celtas tiñan por costume acender unha candea o día do solsticio de inverno. O lume tiña que arder durante medio día seguido para traer boa sorte á casa. Desa costume xurdiu unha das tradicións máis arraigadas en Galicia, o chamado lume novo. Acendíase na lareira un tronco, podendo ser de Carballo, Este lume, denominado noutros lugares o “tizón”, o “cepo” ou “cachopo” ven representar a calor do fogar en contraposición co frío do exterior. Vivente Risco defíneo así “É un cañoto grande dun árbore, que nas montanas do leste da provincia de Lugo, en moitos sitios da de Pontevedra, e noutras terras, botan ó lume na noite do 24 de Nadal, e deixan queimar deica a mitá, e o que queda gárdano para cando hai treboada; entón, bótano de novo a arder na lareira, para arreder o pedrazo e os raios. Nalgús lados, semella que aproveitan a borralla para botaren nos eidos, o cual sí que é un verdadeiro rito fertilizante de maxia agraria. Mais tamén tén relación coa presencia das ánimas da familia na noite de Nadal, arredor do lume. O tizón de Nadal é rito coñecido e usado en toda Europa, e faise tamén en moitas partes de Hespaña. En Cataluña vén ser o que chaman 'tió', no que baten os nenos da casa para que lles bote dulces, que os pais lle meten dentro. A súa orixe recúa con seguranza deica os tempos mais vellos” 




Vicente Risco: "Etnografía: cultura espritual", en Historia de Galiza, dirixida por Ramón Otero Pedrayo. Editorial Nós, Buenos Aires 1962 (Reed. Akal, Madrid 1979); vol. I, 255-777.

O APALPADOR NO GARCÍA BARBÓN

O Equipo de Dinamización Lingüística do García Barbón deséxavos un Bo Nadal e un Feliz Aninovo. 
 

28 de nov. de 2014

CULTURGAL 2014

O vindeiro venres 6 de Decembro comeza o Culturgal no Pazo da Cultura de Pontevedra.

No Culturgal conflúen distintos gremios da cultura: libro, creación, audiovisual, artes escénicos, música, deseño, internet e novas tecnoloxías.
Este evento chega este ano a súa setima edición consolidado como unha gran cita das industrias creativas en Galicia.
Aquí podedes ver o programa pinchade aquí.

14 de nov. de 2014

ÁRBORES SENLLEIRAS DE GALICIA




Unha árbore senlleira é unha árbore que, polas súas características extraordinarias ou destacábeis (tamaño, idade, significación histórica ou cultural, rareza, beleza etc.) é considerada reliquia botánica, obxecto de respecto veciñal tendo ademáis valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental.

No ano 1984, a Dirección Xeral do Forestal e do Medio Ambiente Natural da Consellería de Agricultura, Pesca e Alimentación da Xunta de Galicia contratou a realización do Inventario de árbores sobresaíntes de Galicia, documento que sae á luz en 1985 e que recolle 260 monumentos vexetais, 102 na provincia da Coruña, 49 na de Lugo, 39 na de Ourense e 70 na de Pontevedra.

Coa Lei 9/2001, de conservación da natureza, no seu artigo 52, créase o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, incluíndo os exemplares cuxa conservación sexa necesario asegurar polos seus valores naturais, culturais, científicos, educativos, estéticos ou paisaxísticos. O anexo do decreto inclúe inicialmente 106 árbores e 21 formacións merecentes de protección.

En Manzaneda áchase o Castiñeiro de Pumbariños situado no soto de Rozavales, primeira árbore catalogada como Monumento Natural en Galicia. É a árbore de maior perímetro de Galiza (12,15). O castiñeiro foi declarado Monumento Natural pola Xunta de Galicia no ano 1995.

O Carballo Casadeiro de Santo Antonio está dentro da finca do Pazo de Vilardefrancos, en Artes, no Concello de Carballo. Segundo a tradición, cando San Antonio, o de Padua ou de Lisboa (1195-1231) peregrinou a Compostela celebrou misa neste lugar, onde había unha pequeña ermida. Mentres o santo oficiaba, naceu debaixo do altar un carballo que co tempo, de tanto medrar, derrubou o edificio. A nova capela de Santo Antonio construíuse a carón e forma parte das dependencias do Pazo. Conta a lenda que a ferida que presenta é consecuencia dun raio que lle caeu enriba pouco despois de morrer Santo Antonio. E que as mozas namoradas van alí e, poñéndose de costas, tratan de introducir tres pedriñas no burato: hai quen di que abonda con meter unha, e outros din que son precisas sete. Se o conseguen, casan antes do ano. Se xa estivesen casadas, é que van ter un fillo. O mesmo ritual serve para pedir un desexo calquera; de atinar, por cada pedra que se lanza cumprirase o desexado. Tamén se conta que en caso de facerlle unha ferida ou de cortarlle unha póla, o carballo derrama un líquido (prodixio atribuído ao santo Antonio) que semella sangue.

O carballo ten 800 anos.








11 de nov. de 2014

O CASTIÑEIRO DE INDIAS


O Castiñeiro de Indias ou Castiñeiro de Bruxas é unha árbore coinsiderada mediciñal. Identifícase comúnmente  co nome de falso castiñeiro por mor de que os seus froitos presentan unha grande semellanza cos do castiñeiro. Moi empregada en xardiñería podemos atopala en parques de Galicia. Na Alameda, en Vigo, hai algúns exemplares.

Polos seus principios activos emprégase para problemas vasculares e circulatorios.

As castañas bravas ou de indias utilízanse como amuleto protector do mal de ollo.


A QUE ARRECENDE O MAGOSTO



FIUNCHO. Fiollo ou fieiteiro é unha herba perenne moi aromática. Ten un arrendezo semellante á menta e emprégase na cociña para dar sabor. Bótaselle ás castañas cocidas. Nalgúns lugares de Galicia úsase como protector do mal de ollo.

Ten propiedades diuréticas e curativas.





NÉBEDA. Da familia da menta emprégase para cocer as castañas, darlle sabor e facelas máis dixestivas.

Recibe tamén o nome de calaminta e a variante néboda.

Na menciña emprégase como tónico estomacal, antiespasmódico, sudorífico e expectorante.

Medra en bosques pouco mestos e ao pé de valados e muros.




8 de nov. de 2014

NOS TAMÉN TEMOS COGOMELOS

Cogomelos do colexio.
Os cogomelos son fungos que adoitan medrar en lugares húmidos e pouco soleados. Hai moitas especies de cogomelos, con diferentes características que se dan en diferentes ecosistemas. A época na que se fan visibles é o outono, especialmente cando quenta o sol e despois dunha chuvia intensa. A maior parte medran ao abeiro dunha árbore, ben no chan o nas pólas. Co Decreto de Aproveitamentos Forestais, publicado no DOG do 27 de maio, este ano Medio Rural regula a actividade micolóxica. Excederse no límite de dous quilos por persoa e día, recoller exemplares inmaduros e colectalos en bolsas pechadas de plástico pode ter multa. As setas, unha vez collidas, van soltando esporas que permiten o nacemento de novos especímenes por iso é tan importante trasladalas en cestas de bimbio que permitan a caida das esporas. Estas son pequenas mostras das que medran no noso colexio.

28 de out. de 2014

CONTOS PARA ASUSTAR O MEDO EN VARIAS LINGUAS

Emily Gravett. Ed. Macmillan.

Distiquifobia, fagofobia... Todo o mundo ten medo a algo. O libro ten o formato dun caderno que escribe o pequeno rato. Neste libro atopamos a frase: "Ti tamen podes superar os teus medos". Macmillan na versión orixinal e Patasdepeixe en galego.


Emily Gravett.  Patasdepeixe editora.

CONTOS PARA ASUSTAR O MEDO




Unha grande amizade entre un bruxo que caza nenos para a súa despensa e a súa próxima vítima. Carabuñas, a historia dun bruxo que nunca cortaba as uñas.

Carabuñas. OQO Editora. Margarita del Mazo&Charlotte Pardin.




Seis Barbudos. OQO Editora. Mar Pavon&Vitalikonstantinov
Seis barbudos entraron nunha panadaría e o panadeiro caeu co susto. Os clientes estaban atemorizados. Aínda que...non é bo deixarse levar pola primeira impresión.



Esta foi unha das últimas obras escritas por Poe. Publicada en 1849, ano da súa morte trátase dunha obra macabra de dor e vinganza na que o bufón decide tomar a xustiza pola man e acabar de vez cos desprezos que os cortesáns lle fan a súa amiga Tripetta. Lou Read e David Bowie inspiráronse neste personaxe dedicándolle un tema musical.

Hop Frog. OQO Editora.

Para maiores de nove anos.




Contos completos de Edgar Allan Poe. Editorial Galaxia. 
Premio Lois Tobío ao libro traducido do 2009 concedido pola Asociación Galega de Editores.

CANTANDO NO SAMAÍN

OUTRA VISIÓN DO SAMAÍN



Os celtas celebraban co Samaín o paso do ano, o fin do ano vello e o remate das colleitas. Comezaba así o inicio do inverno, da época escura.
Anne Ross, na súa obra Druídas fálanos do significado das cabezas para os pobos celtas. A cabeza, como morada do espíritu era o verdadeiro “centro” do ser dunha persoa. Pendurando a cabeza dos seus inimigos pensaban que gañaban a protección e os poderes máxicos que pusuían. Na idade de ferro poñíase unha vea dentro das cabezas (répricas de pedra, madeira, metal e oso) nesta estación.
Pero o Samaín era tamén unha festa de descanso dos guerreiros celtas. A carne de porco, consagrada ao deus Lug, e o hidromel dan acceso á eternidade.


21 de out. de 2014

TEMPO DE MARMELO E GRANADA



O marmeleiro é unha árbore da familia das rosáceas. Orixinaria de Ásia Menor dá como froito o marmelo. O froito ten unha cor dourada e forma de pera grande moi axeitada para facer doces. A palabra orixinal de marmelo deu lugar a palabra galego portuguesa que se espallou a outras linguas, marmelada.

Fonte de vitamina C en estado natural, durante o cocemento pérdese.


                                    

Granada ou milgrandeira. Orixinaria do actual Irán e Iraq.
Rica en potasio, ferro, magnesio e calcio é unha das denominadas “superfroitas” .

Consúmese gran a gran apartando a codia e as lamelas amargas que separan as celas onde se encontran.






15 de out. de 2014

A LÚA MENTIREIRA

Hughes, pintor prerrafaelita.
As fases da Lúa teñen que ver coa súa colocación respecto á Terra e ao Sol. Como sabes, a Lúa é mentireira, cando decrece ten forma de C e cando crece forma de D






As fases da lúa neste mes de outubro son:

  • Cuarto minguante. Mércores, 15 de outubro de 2014, 21:13
  • Lúa nova.Xoves, 23 de outubro de 2014, 23:56
  • Cuarto crecente. Venres 31 de outubro de 2014, 03:48

7 de out. de 2014

A FEIRA DO LIBRO DE FRANKFURT



Cos obxectivos de lle dar visibilidade á produción editorial galega e de favorecer un espazo para a actividade comercial entre os axentes galegos e os dos diversos países que participan no evento, a Xunta de Galicia habilita un stand no que se amosarán este ano as novidades de Edicións Xerais, Editorial Galaxia, Baía Edicións, Kalandraka, KNS, Hércules Ediciones e Nova Galicia Edicións
Ilustración galega, con Xosé Tomás
A ilustración galega será protagonista este ano nesta cita co libro. Ao abeiro da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (Agpi), o ilustrador Xosé Tomás impartirá dous obradoiros, os días 9 e 10 de outubro, para lle achegar ao público unha mostra da ilustración en Galicia.

A diferenza doutras feiras a Feira de Frankfurt está orientada a profesionais e só se abrirá ao público a fin de semana.
O director do evento Jürgen Boos protagonizará unha das citas máis esperadas da feira cunha charla sobre a lectura co autor Paulo Coelho. Estará presentes tamén Ken Follet, Alessandro Barico o premio nobel de literatura rumano-alemana Herta Müller.

O país convidado é Finlandia.


QUE SE MOVE NO OCÉANO



O artista monfortino Antón Patiño inaugurou no Museo do Mar a exposición “Océano”, que reúne doce pezas de gran formato nas que o pintor trata de plasmar no lenzo o amplo abano de sensacións que provoca o mar.
As catástrofes ecolóxicas dos últimos anos, os fogos de San Telmo, os solpores e a transparencia do mar son algúns dos temas tratados.
A exposición pódese visitar ata o 30 de novembro.